top of page

ACTUACIÓN PARA CÁMARA: Técnica de Improvisación / Obradoiro

Do 26 ao 30 de Agosto De 10:30 a 13:30h

IMPARTE: Sebastian Uría




Sebastián Uría estudou letras en Granada e cinema en Francia. Obtivo o título de Máster Europeo cunha tesina profesional sobre técnicas de dirección de actores. Alí dirixiu as súas primeiras curtas de ficción e de documental, e realizou pezas por encargo para o Museo do Mediterráneo (MuCEM). Recentamente retornado á Galicia, traballa silandeiro e ardoroso en diversos proxectos audiovisuais.


A Técnica de Improvisación á Cámara busca fornecer ós actores e actrices das ferramentas necesarias para facer xurdir aespontaneidade na actuación.

Esta Técnica desenvolve un corpo de técnicas específicas, distintas das tradicionais de improvisación, que permiten, no seu estado máis avanzado, improvisar sobre diálogos guionizados e memorizados.


A improvisación tradicional baséase na imaxinación. Por exemplo, no clásico exercicio de improvisación consistente en mudar as circunstancias da escena, o actor debe cumplir o obxectivo segundo as novas circunstancias. Para facelo debe preguntarse: qué máis podo facer para cumplir o obxectivo (nestas novas circunstancias)? Preguntándose cómo (facelo) a mente proxecta no futuro: nese intre no que o pensamento discorre pérdese a espontaneidade.


Nesta Técnica de improvisación o obxectivo a cumprir non se resolve na mente senón que se sitúa no corpo. Se hai un cambio das circunstancias dadas, éste vai vencellado á improvisación dunha acción corporal que non ten un obxectivo situado no futuro: non hai tarefa que deba ser completada nin albo que acadar. A acción corporal elimina o tempo futuro da actuación pois toda acción física acontece en presente, no momento mesmo de actuar.

O traballo do obradoiro desenvólvese en grupo. Faremos series de exercicios físicos nos que se traballarán diferentes aspectos: acción física, acción interior e acción vocal. O obradoiro vai dirixido a todas aquelas persoas que desexen adquirir ferramentas específicas para actuar diante da cámara. Aquelas que xa empregen algunha técnica específica de actuación (nomeadamente Stanislavsky e os seus epígonos) poderán empregar a Técnica de improvisación de maneira complementaria. Aqueles que non traballen ningunha en concreto mais teñan algunha experiencia na escena atoparán de utilidade as ferramentas propostas neste obradoiro. Tamén lle sacarán proveito aqueles que, traballando as artes escénicas, dende a danza ata o circo, desexen achegarse a actuación específica para a cámara.


+info e inscricións: alfaiadanza@gmail.com

PREZO O OBRADOIRO: 50€



185 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
bottom of page